O LEGADO CELTA

É controvertido o tema do celtismo en Galicia. Aínda hoxe continúan agrias disputas a favor ou en contra.


Eu penso que as evidencias culturais –na toponimia, nas tradicións, mesmo na arte- da presenza de elementos célticos na nosa prehistoria non significan que aqueles pobos prerromanos fosen exclusivamente celtas. O noroeste atlántico, onde se atopa a actual Galiza, non foi exactamente un estado celta, no sentido de pobo exclusivo e independente. Foi un lugar de encrucillada por onde circularon influenzas culturais diversas, entre as que se atopan as consideradas célticas, que funden as súas raíces no megalitismo e na primeira idade do Bronce. Merecen especial importancia as relacións marítimas con outros territorios atlánticos, pero tamén con pobos mediterráneos, exercendo, creo, a maior atracción para aqueles primitivos visitantes á precura do estaño e do ouro do noroeste. O primeiro, o estaño, imprescindible para a fabricación de armas de bronce. O segundo, o ouro, un metal de prestixio, sempre de grande valor. Os romanos, perfectos coñecedores da riqueza mineralóxica da Gallaecia, non tiveron mellor idea que a da conquista. É a primeira aculturación pola forza que sofre a nosa terra, aínda que a imposición do idioma latino non rematará con moitas das verbas que antes aquí se falaron. A toponimia e a epigrafía aínda se encargan hoxe de transmitirnos algunos daqueles nomes. Un exemplo témolo no nome de Lámbrica, ou Lámbriga, cunha coñecida terminación céltica en –briga, co significado de “cidade fortificada”.
Propoño un enlace a un interesante documental, aloxado en youtube, que fala da prehistoria dos pobos atlánticos, El legado celta. Unha síntese da prehistoria galega dende o megalitismo, a confección dos petroglifos, os modos de vida, a procura do estaño por parte dos pobos mediterráneos, as relacións atlánticas... ata rematar coas fortificacións castrexas e a chegada dos romanos. Moi recomendable.